luns, 29 de maio de 2017

Camiño de Santiago:::

Hoxe última reunión do CLUB DE LECTURA XERFAS. Os nosos profes do club andiveron de excursión cos compañeiros de 3º e 4º da ESO e deixáronnos este video para explicar por onde andiveron...

venres, 12 de maio de 2017

TUI LE 2017:::

Hoxe na Área Panorámica de Tui celebramos a 1ª e 2ª hora o "Tui le" deste ano, e o noso IES particpa con este video creado pola rapazada do Club de Lectura. É unha homenaxe lectora a AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ. Bótalle un ollo antes que ninugén...

sábado, 4 de febreiro de 2017

E chegou a Bibliomóvel!:::

O pasado venres 27 de xaneiro iniciou unha nova andaina da “Bibliomóvel” de Valença do Minho no noso centro. Por segundo ano consecutivo chega ao Indalecio esta iniciativa da Biblioteca Municipal de Valença do Minho e que habitualmente percorre as freguesías do veciño concello pero que novamente aproveitará as mañás dos venres unha vez ao mes para visitarnos. Para quen aínda non a coñece, convidámolo a visualizar este video que Alto Minho Televisão tivo a ben facer para explicar en que consiste esta interesante iniciativa:
 

A Bibliomóvel ofrécenos, pois, aos alumnos e profesores do Indalecio a posibilidade de acceder máis facilmente a libros en portugués, achegándonos á cultura irmá. Como novidade destacar que nos días en que nos visita, portará tamen libros de distintas disciplinas (música, tecnoloxía, inglés...) para así non só familiarizarnos coa lingua portuguesa, senón tamén que nos fornece de materiais de apoio cos que saciar a nosa curiosidade intelectural. A colaboración entre o club de lectura Xerfas, a Biblioteca do instituto e o departamento de portugués coa Biblioteca de Valença tamén permite que libros do noso centro poidan ser consultados en Valença por alumnos dos institutos valencianos. Se no curso anterior cruzaron o río novidades editoriais galegas, desta volta serán libros do ámbito xuvenil de todos os tempos tanto en galego como en castelán, para apoiar as aulas de aprendizaxe de español en secundaria.


A vindeira visita da Bibliomóvel está marcada para o venres 24 de febreiro. As persoas que aínda non teñen o cartón de socio, pódeno solicitar na biblioteca do centro ou no mesmo día que nos visita a biblioteca itinerante de Valença. É unha actividade gratuíta aberta a toda a comunidade educativa do INDALECIO PÉREZ TIZÓN.







venres, 16 de decembro de 2016

Preparados para o Nadal???

O próximo luns, día 19 temos unha cita moi especial, a de Nadal. Despediremos este ano no IES INDALECIO PÉREZ TIZÓN por todo o grande ás 15.30h, antes das clases da tarde. Estamos convocados todos os grupos e falaremos dos proxectos de lectura para os próximos meses así como das actividades que temos iniciadas.

xoves, 1 de decembro de 2016

As aulas máis grandes do instituto:::

 O Club de Lectura "XERFAS" vén colaborando desde hai dous cursos coa Biblioteca Municipal de Valença do Minho e, grazas a isto ,as aulas do instituto son un pouquiño máis grandes. E, se non, que llo pregunten aos alumnos e alumnas de 1ºESO-A que frecuentan as aulas de portugués no noso centro, xa que na xornada de onte comezaron a aprender portugués no centro e acabaron nos recantos máis fabulosos da Fortaleza ou na sala de contacontos da Biblioteca Municipal de Valença. Pero vaiamos por partes, este foi o intrépido grupo de camiñantes que acortaron as distancias entre as dúas vilas arraianas dándolle zapatilla pola beira do río:
 Logo de coñecer a Porta da Gaivarra, unha das máis descoñecidas pero, posiblemente, a máis impresionante das catro que ten a vila amurallada, tiveron que ser pequenos investigadores polas rúas valencianas, posibilitando o intercambio de falares entre galegos e portugueses. Aprenderon moito de gastronomía, azulexos, historia, comercio... en fin... de Valença.
 Ao remate acanoáronse para recibir a Miguel, o guía do Polo Museístico de Valença que habería de ser o seu Cicerón entre garitas e altas murallas ou polvoríns con aroma a guerra (aínda que xa non haxa tal cousa en Valença)
 O grupo foi oindo e preguntando, aprendendo portugués e a historia dos lugares máis inmediatos, nun día solleiro e -aínda que a primeira hora moi frío- agradable.

 As cousas das historias valencianas non deixaron a ningún indiferente, ata hai quen quixo imitar aos antigos soldados que guindaban aceite quente na Gaivarra!

 E fotos de grupo, unhas poucas, perante o Santo Patrono de Valença; San Teutónio; o primeiro santo portugués.


 E, logo de iren ver unha exposición de pintura á Loja de Turismo... tempo de recreo, tamén para aprender a saudar e solicitar as merendas en portugués!
 A última parte foi con Dona Isabel, a directora da Biblioteca quen ensinou o máis escondido deste lugar incrible, libros de ata 500 anos! Aínda que é un centro moderno, garda tesouros dun valor incalculable.
 Aprendemos de moito máis que de libros, grazas ás emotivas explicacións de Isabel. Que agradecidos quedamos!
 E logo de facer un par de actividades co profe de portugués... camiño de volta, os rapaces de 1ºA sábenos facer divertidos. Ah, e chegaron puntuais!

venres, 11 de novembro de 2016

Cada día somos máis:::

O vindeiro LUNS 14 de xaneiro ás 15.30h teremos unha nova reunión do CLUB LECTURA XERFAS para tomar novas decisións lectoras.

Polo momento xa nos reunimos para facer a inscricións e trazar os primeiros proxectos:

1. HOMENAXE A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ
Agustín Fernández Paz

Foi o autor máis produtivo de literatura xuvenil de todos os tempos e o que máis lemos no instituto, ímolo homenaxear creando un video e facendo lecturas públicas, o proxecto comézase a gravar este luns.

2.ROTEIRO LITERARIO POR VIGO "CABALOS E LOBOS"
Portada Cabalos e Lobos
Xa estamos lendo CABALOS E LOBOS de Fran Lorenzo e o noso proxecto consiste en facer un roteiro polos espazos da novela, percorrendo os puntos quentes da cidade.
Fran P. Lorenzo


lembra, este luns tomaremos determinacións no club de lectura XERFAS, non faltes!

martes, 14 de xuño de 2016

Festa fin de curso!

Este mércores temos unha cita. Con motivo do peche de curso dedicamos a última sesión do Club de Lectura XERFAS a festexar, xunto cos compañeiros que colaboraron na homenaxe a Indalecio un dos últimos éxitos da nosa axenda. Haberá sorpresas para todos os artistas que son os e as convidados/as. 

Vémonos mañá mércores 15 de xuño ás 16.30h en Usos Múltiples (a cita remata ás 18.10h) Veremos anacos do video da homenaxe e comentarémolas, haberá unha merenda. Quen queira ver a homenaxe enteira pode vir o último día de clase ao mesmo lugar, posto que se proxectará enteiro, incluso os videos (o da homenaxe e a curta de Milena)

Noraboa á artistallada do Indalecio!!!